Como funciona unha instalación deste tipo?
A climatización xeotérmica cede ou extrae enerxía da terra, para obter refrixeración, calefacción ou auga quente sanitaria a través dun conxunto de colectores soterrados no subsolo polos que circula unha solución de auga con anticonxelante.
Para refrixerar un edificio en verán, o sistema xeotérmico transmite a calor excedente do interior da edificación ao subsolo. En inverno o equipo xeotérmico permite quentar un edificio co proceso inverso: extraendo calor do solo para transmitirllo á edificación por medio dos captadores.
Un equipo de climatización xeotérmica conta con:
- Unha bomba de calor xeotérmica que realiza o aproveitamento enerxético da terra.
- Un intercambiador introducido no subsolo. Este dispositivo está formado por un circuíto pechado de tuberías soterradas no solo polas que circula unha solución de auga e anticonxelante que permite a extracción de enerxía.
- Unha bomba de impulsión que fai circular a solución de auga e anticonxelante (fluído caloportador) entre o intercambiador e a bomba de calor.
- A bomba de calor xeotérmica eleva a temperatura do fluído xeotérmico (auga + anticonxelante) en inverno e o diminúe en verán para, a través do sistema de climatización (solo radiante ou aire acondicionado), quentar ou enfríar a vivenda.
Canto costa unha instalación xeotérmica?
Depende das características da vivenda, pero unha instalación deste tipo pódese amortizar entre 6 e 8 anos. Unha vez amortizada a instalación unha vivenda tipo disfrutará de calefacción, de auga quente e de aire acondicionado por menos de 300 euros ao ano.
Por que en España está tan pouco desenvolvida este tipo de enerxía?
É unha cuestión cultural e climática. Os países mái desenvoltos de Europa e con maiores necesidades enerxéticas (países máis fríos) levan máis de 40 anos empregándoas. En España aínda temos moita marxe de mellora en eficiencia enerxética e, sen dúbida, a xeotermia é unha das mellores opcións. A boa noticia para nós é que, dentro de España, Galicia está liderando este proceso.
Pódese cambiar unha instalación de calefacción de gas ou gasoil por unha de xeotermia facilmente?
Esta tecnoloxía pódese chegar a implantar en vivendas xa construídas pero cómpre analizar cada caso de forma individual.
Que vantaxes ten fronte a outras enerxías alternativas como por exemplo a enerxía solar?
A xeotermia é das poucas tecnoloxías que permite obter refrixeración, calefacción e auga quente sanitaria coa mesma instalación. Para alimentar o sistema só necesita dunha bomba de calor que hai que alimentar con enerxía eléctrica. O consumo desta bomba é tan reducido que ésta se podería alimentar mediante paneis solares fotovoltaicos, de modo que o sistema sería totalmente autónomo, eficiente e renovable. En particular, a xeotermia e a enerxía solar son perfectamente complementarias.